[C]astelao, Alfonso Daniel Rodríguez

Febreiro 27, 2008 | Filed Under Humor, Life, Loita, Poesía, Science | 2 Comments 

Castelao 

 Dubidei entre Castelao e Rosalía de Castro, que tamén sería merecedora da C, pero prefiro a retranca galega ao intimismo que tan pouco me gusta do Romanticismo. De entre as súas novelas, recomendo “Memorias dun esquelete”, e, indubidablemente “Cousas”. E, se hai ocasión, deleitádevos cos seus debuxos, e ide ver  “Os vellos non deben de namorarse”

 Xenio como poucos, resume en poucas liñas, con todo o dramatismo  e a ironía que a súa condición de galego lle confería, os problemas e situacións do país no cal lle tocou vivir, e na época en que lle tocou vivir.

O pai de Migueliño

O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados cómo era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.

Os “americanos” xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.

De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sinteu por el un grande amor e canto máis se achegaba o “americano”, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. ¡Ai!, o “americano” pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.

Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecíase por bicalo a fartar. ¡Tiña un porte de tanto señorío! ¡Ai!, o “americano” pasou de largo e nin tan siquera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno.

Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.

E cando esculcaba con máis anguria, fíxose cargo de que un home estaba abrazando á súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi flaco, metido nun traxe moi floxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo…

Aquel si que era o pai de Migueliño.
 



← Previous PageNext Page →